Xestionar os ficheiros eliminados

Cando elimina un ficheiro en Nextcloud, non se elimina de forma permanente, só se move ao cesto do lixo. Non se elimina definitivamente ata que a elimine manualmente ou cando a aplicación Ficheiros eliminados a elimina para deixar espazo aos novos ficheiros.

Atope os ficheiros eliminados premendo no botón Ficheiros eliminados da páxina Ficheiros da interface Web de Nextcloud. Terá opcións para restaurar ou eliminar definitivamente os ficheiros.

Cotas

Os ficheiros eliminados non se contabilizan na súa cota de almacenamento. Só os seus ficheiros persoais contan para a súa cota, tampouco os ficheiros compartidos con vostede. (Vexa Cota de almacenamento para saber máis sobre as cotas.)

Que ocorre cando se eliminan os ficheiros compartidos

A eliminación de ficheiros complícase un pouco cando se comparten ficheiros, como ilustra este escenario:

  1. O Usuario1 comparte un cartafol «proba» co Usuario2 e co Usuario3

  2. O Usuario2 (o destinatario) elimina un ficheiro/cartafol «sub» dentro de «proba»

  3. O cartafol «sub» moverase ao lixo tanto do Usuario1 (propietario) como do Usuario2 (destinatario)

  4. Mais o Usuario3 non terá unha copia de «sub» no seu cesto lixo

Cando o Usuario1 elimina «sub», móvese ao lixo do Usuario1. Elimínase do Usuario2 e do Usuario3, mais non se coloca nos seus cestos do lixo.

Cando comparte ficheiros, outros usuarios poden copialos, cambiarlle o nome, movelos e compartilos con outras persoas, do mesmo xeito que poden facelo con calquera outro ficheiro do seu computador; Nextcloud non ten poderes máxicos para evitar isto.

Como xestiona o espazo de almacenamento a aplicación de ficheiros eliminados

Para garantir que os usuarios non superen as súas cotas de almacenamento, a a aplicación Ficheiros eliminados asigna un máximo do 50% do seu espazo libre dispoñíbel actualmente aos ficheiros eliminados. Se os ficheiros eliminados exceden este límite, Nextcloud elimina os ficheiros máis antigos (os ficheiros coas marcas de tempo máis antigas dende cando foron eliminados) ata que volva cumprir o límite de uso da memoria.

Nextcloud comproba a antigüidade dos ficheiros eliminados cada vez que se engaden novos ficheiros aos eliminados. De xeito predeterminado, os ficheiros eliminados permanecen no lixo durante 30 días. A administración do servidor de Nextcloud pode axustar este valor no ficheiro config.php configurando o valor trashbin_retention_obligation. Os ficheiros máis antigos que o valor trashbin_retention_obligation eliminaranse permanentemente. Ademais, Nextcloud calcula o espazo máximo dispoñíbel cada vez que se engade un novo ficheiro. Se os ficheiros eliminados superan o novo espazo máximo permitido, Nextcloud eliminará permanentemente os ficheiros enviados ao lixo coa caducidade máis rápida ata que se cumpra de novo o límite de espazo.

Nota

É posíbel que a administración da instancia configurara o período de retención do lixo para anular a xestión do espazo de almacenamento. Consulte a documentación de administración para obter máis información.