Cota de almacenamento
A administración da súa instancia de Nextcloud ten a opción de estabelecer unha cota de almacenamento para os usuarios. Olle a súa páxina persoal para ver cal é a súa cota e canto empregou.
Pode resultar útil entender como se calcula a súa cota.
Os metadatos (miniaturas, ficheiros temporais, caché e claves de cifrado) ocupan aproximadamente o 10% do espazo no disco, pero non se contabilizan nas cotas dos usuarios. Algunhas aplicacións almacenan información na base de datos, como as aplicacións de Calendario e Contactos. Estes datos están excluídos da súa cota.
Cando outros usuarios comparten ficheiros con vostede, os ficheiros compartidos contan para a cota do propietario orixinal. Cando comparte un cartafol e permite que outros usuarios ou grupos envíen ficheiros cara a el, todos os ficheiros enviados e editados contan para súa cota. Cando volva compartir ficheiros, os ficheiros compartidos descontaranse da cota do propietario orixinal.
Os ficheiros cifrados son un chisco máis grandes que os non cifrados; o tamaño non cifrado calcúlase con respecto á súa cota.
Os ficheiros eliminados que aínda están no cesto do lixo non contan para as cotas. O lixo está estabelecido no 50% da cota. O envellecemento dos ficheiros eliminados estabelecese en 30 días. Cando os ficheiros eliminados superan o 50% da cota, elimínanse os ficheiros máis antigos ata que o total estea por baixo do 50%.
Nota
É posíbel que a administración da súa instancia configurara o período de retención do lixo para anular a xestión do espazo de almacenamento. Consulte a documentación de administración para obter máis información.
Cando está activado o control de versións, as versións antigas dos ficheiros non se contabilizan nas cotas.
Se crea unha compartición pública a través de URL e permite envíos, calquera ficheiro enviado contará na súa cota.